Saturday 20 de April de 2024

A Xunta destaca o investimento de máis de 88.000€ que recibirá a cooperativa Monte Aro para o fomento do uso de maquinaria en Réxime Asociativo


Trenor destacou que os principais obxectivos que perseguen estas axudas son a utilización de maquinaria de forma comunitaria, así como fomentar o uso de novas tecnoloxías e o aforro enerxético

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá un encontro cos socios da cooperativa agraria Cuma Monte Aro SCG, constituída por 17 titulares de explotacións de vacún, que totalizan en conxunto 1.670 vacas en produción e unha superficie destas explotacións de 632 hectáreas. Durante a visita informou da resolución das axudas concedidas na convocatoria de 2020 para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo
En concreto, na comarca do Barbanza teñen concedidas estas achegas a cooperativa agraria Cuma de Xallas e Barcala, sendo o importe total da subvención de 100.000 euros e a cooperativa Monte Aro SCG, cun importe de máis de 88.000 euros, ambas localizadas en Mazaricos. No caso de Monte Aro SCG a axuda permitirá a adquisición dun novo carro mesturador.
Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, apostan por fomentar a adquisición de maquinaria para a súa utilización en réxime asociativo.
Trátase de mellorar os resultados económicos das explotacións agrarias e de facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara o mercado, así como a diversificación agrícola.
O delegado territorial puxo en valor que en toda a provincia da Coruña recibirán estas achegas 11 cooperativas cun investimento total de máis de 1,2 millóns de euros para subvencionar investimentos por case 3 millóns de euros.
Trenor destacou que “os principais obxectivos que se perseguen estas axudas son a utilización de maquinaria e equipos agropecuarios de forma asociativa, así como fomentar o uso de novas tecnoloxías e o aforro enerxético”.
O importe da achega será do 35% dos custos, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman como a localización ou as zonas con limitacións naturais. Para a concesión destas axudas valóranse determinados aspectos relacionados coa entidade asociativa, como a súa tipoloxía, en relación a se son cooperativas agrarias, sociedades agrarias de transformación (SAT) ou cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (Cuma).